Píllano conducindo borracho dous horas despois de dar positivo
Por Redacción
Apenas dúas horas tardou un veciño de Meaño en ser detectado en dúas ocasións pola Garda Civil conducindo baixo os efectos do alcol.
Segundo informa a Garda Civil, axentes do corpo interceptaron en Sanxenxo a este home de 38 anos nun control preventivo situado na estrada que une as localidades de Padrinán e Sanxenxo. Nese momento deu positivo por alcoholemia, ao rexistrar unha taxa de 0,44 mg/l.
De forma cautelar, e de acordo coa normativa, os axentes procederon á inmovilización temporal do vehículo. Ao condutor informóuselle que non podería conducir ata que o resultado da proba fose negativo, polo que, en principio, decidiu marcharse utilizando os servizos dun taxi.
Dúas horas despois, o control da Garda Civil de Tráfico, que cambiara de emprazamento a un punto próximo ao anterior, detectou ao mesmo usuario circulando nun taxi con dirección ao lugar onde estaba inmobilizado o seu vehículo.
Tras sospeitar das súas intencións, unha patrulla da Garda Civil regresou ao lugar onde quedara inmobilizado o coche e sorprenderon o seu dono circulando de forma temeraria durante dous quilómetros por estradas secundarias, tentando ocultarse da acción dos axentes e facendo caso omiso ás indicacións para que se detivese.
Finalmente puido ser interceptado, volvendo dar resultado positivo nunha nova proba de alcoholemia que se lle realizou.
Por todo iso, o home foi denunciado condución neglixente baixo os efectos de bebidas alcohólicas, desobediencia aos axentes da autoridade e quebrantamento da inmovilización do vehículo.