Un detido tras unha persecución por conducir sen carné, nun ciclomotor roubado e baixo os efectos das drogas
Por Diego Espiño
A Policía Local de Pontevedra detivo un home de 38 anos tras unha perigosa persecución polas rúas da cidade.
Ao detido acúsaselle dun presunto delito contra a seguridade viaria por conducir de maneira temeraria, facelo baixo os efectos das drogas e, aínda por riba, por conducir un ciclomotor roubado.
Os feitos sucederon o pasado venres 1 de xullo, cando ao redor das 16:30 horas unha patrulla da Policía Local que circulaba por Corbaceiras observou un ciclomotor que ante a súa presenza deuse á fuga cara San Roque, pasando a rotonda de Paseo Colón cara a Alameda sen respectar o ceda ao paso e obrigando a frear bruscamente a varios vehículos.
Nese momento comeza unha persecución na que o ciclomotor circula cara a Echegarai pola beirarrúa "poñendo en perigo aos peóns que se atopaban no lugar", segundo sinalaron as forzas de seguridade municipal.
Á máxima velocidade que lle permitía o ciclomotor continuou a súa fuxida "facendo zig zag entre os coches que circulaban" pola ponte da Barca cara a Poio, sen respectar os sinais de tráfico e dirixíndose á Caeira e volvendo subir á beirarrúa na Rúa Lérez e Río Umia "poñendo en perigo constante a integridade dos demais vehículos e peóns e facendo caso omiso dos continuos avisos acústicos e luminosos da Policía Local".
Finalmente, o home tirou o ciclomotor tentando fuxir a pé cara ao Bao, momento nos axentes acurralárono e procederon á súa detención.
Ao requirirlle os datos do ciclomotor, polo número de bastidor, comprobaron que constaba como roubado e con placas de matrícula dadas de baixa e que non correspondían co vehículo. Ademais o condutor foi sometido ao narcotest, dando positivo en opiáceos e THC. Por se todo isto fose pouco perdera a vixencia do seu carné de conducir.