Leiceaga inicia en Pontevedra a súa rolda polos concellos para conformar o seu programa electoral
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Cunha visita ao grupo municipal socialista no Concello de Pontevedra quixo o candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, Xaquín Fernández Leiceaga, iniciar a rolda que durante as próximas semanas levaralle a visitar os principais municipios de Galicia para conformar o seu programa electoral "e posterior acción de goberno".
En rolda de prensa Leiceaga detallou as "cuestións prioritarias" que lle trasladaron os tres edís que ten o PSdeG na Boa Vila.
Respecto dos servizos públicos os concelleiros expuxeron a necesidade de dotar á cidade do Lérez dunha nova escola infantil, ampliar o Centro de Formación Profesional Carlos Oroza e construír un novo colexio de educación infantil e primaria para a zona este de a cidade "unha vella demanda que xa vén da época na que eu era parlamentario", lembrou Leiceaga.
No ámbito sanitario, o candidato socialista felicitouse por que terminase "a cabezonería da Xunta" en relación coa ampliación do Hospital Montecelo "que nós defendemos desde un principio", pero conveu en que este proxecto "ten que plasmarse con feitos no Diario Oficial de Galicia" e, ademais debe ir aparellado de "unha actuación en infraestruturas" que garanta uns bos accesos ao hospital.
Igualmente sinalou como "extremadamente importante desde o punto de vista do emprego e da activación económica da comarca" as mellora das comunicacións cos polígono empresariais de Barro Meis e o de Granxa do Bao e o Porto de Marín, así como o desenvolvemento do Porto seco en Leborei "que depende do Ministerio de Fomento". Entre outras cousas propuxo "unha actuación potente" de arranxo "profundo" da estrada entre Pontevedra e Vilagarcía.
Finalmente sinalou o saneamento da ría como outra das prioridades que Leiceaga considera que debe xestionarse "de maneira integral" ao entender como "unidade biolóxica" todo este ecosistema e rematou co transporte urbano, apostando pola creación dun "consorcio metropolitano" que incorpore aos concellos da comarca para favorecer a conexión por medio de autobuses.
Segundo resumiu Xaquín Fernández Leiceaga "nós consideramos que nas eleccións de outubro van confrontar dous proxectos", que identificou como o de "a inercia de Feijóo" e o proxecto "de renovación profunda" que el vai encabezar e que prestará "unha atención especial aos servizos básicos e ao emprego".