Asume un ano de prisión por quedar coas primas das pólizas de seguro de numerosos clientes
Por Redacción & Mónica Patxot
A pontevedresa Diana Patricia R.R. recoñeceu este xoves ante o tribunal da Audiencia Provincial de Pontevedra que entre os anos 2011 e 2013 quedou co importe das primas das pólizas de seguro de numerosos clientes da súa empresa en lugar de liquidalas á correspondente aseguradora e por estes feitos aceptou cumprir un ano de prisión.
A muller sentou no banco dos acusados da Sección Cuarta da Audiencia e recoñeceu ser autora dun delito de apropiación indebida. A confesión valeulle un acordo de conformidade coa Fiscalía polo que se reduciu a pena de prisión inicial á que se enfrontaba, tres anos e medio. Finalmente, coa súa conformidade, tamén será condenada a seis meses de multa a razón de dous euros diarios.
A Audiencia ditará unha sentenza condenatoria xa firme e non recurrible pola que tamén se lle impón o pago, en concepto de responsabilidade civil, o pago de 67.000 euros máis intereses polo tempo transcorrido desde a comisión do delito. Ademais, evitará entrar no cárcere ao suspendérselle a condena.
A xa condenada era administradora única dunha correduría de seguros con sede en Pontevedra da que ela tiña o 99% das accións e que traballaba con 15 compañías de seguros. Unha das empresas coas que traballaba era Generali Seguros e a partir do ano 2011, guiada por un afán de obter un beneficio económico á conta do patrimonio alleo, cobrou o importe das primas das pólizas ou contratos de seguro con numerosos clientes, quedándose coas devanditas cantidades, das cales era depositaria, no canto de liquidalas á compañía como debía.
Segundo o escrito de acusación co que ela se conformou, era consciente de que estaba a incumprir o seu deber coa compañía de seguros e en xuño do ano 2012 retivera 65.000 euros a Generali. Cando o seu comportamento saíu á luz, asinou coa aseguradora unha escritura pública de recoñecemento de débeda comprometéndose a devolver as cantidades e tamén, para facilitar a devolución á aseguradora das cantidades que non lle pagou, asinou un contrato de axencia de seguros en exclusiva.
A pesar de todo, só pagou 7.618,47 euros á compañía aseguradora do total dos 65.000 euros recoñecidos e, ademais, entre xullo de 2012 e abril de 2013, seguiu cobrando novas primas aos asegurados que posteriormente tampouco liquidou a Generali, quedándose esta vez con 23.176, 67 euros.