Xa está operativo o Vaibike, o servizo municipal de bicicletas de Vilagarcía
Por Redacción
Xa se poden alugar as bicicletas do Vaibike de Vilagarcía. Resoltos os problemas de conexión coa plataforma bancaria para poder facer o pagamento, o servizo de municipal de bicicletas está plenamente operativo a partir deste luns.
Vilagarciáns e visitantes xa están en disposición de tramitar as tarxetas e retirar as bicicletas nas cinco estacións que se poñen en marcha de xeito inicial e que están situadas en O Cavadelo, Vilaxoán, Carril, O Piñeiriño e a estación de Renfe.
O trámite pode facerse directamente nos tótems que existen en cada estación do servizo, introducindo os datos que se lle van pedindo ao usuario e establecendo o pago con tarxeta bancaria. Cumprimentado o sinxelo proceso, o interesado xa pode retirar a bicicleta da estación e facer uso dela, en principio mediante unha clave de acceso que s elle proporciona no momento.
As persoas que xa se abonen recibirán a súa tarxeta oficial por correo ordinario en cuestión duns días. Con ela non será preciso marcar ningunha clave xa que funcionará mediante lector do código.
Os prezos establecidos para utilizar as bicicletas do Vaibike son de 3 euros por unha xornada completa, 10 por unha semana, 15 por un mes e 25 polo abono anual.
As normas de funcionamento establecen que se poderá facer uso continuado da bicicleta por un prazo de 2 horas tras as cales a bicicleta debe ser inserida nunha estación a efectos de control, para poder continuar utilizándoa.
Para facilitar o uso por parte de familias ou grupos, permítese a retirada de varias bicicletas cunha mesma tarxeta.
O servizo, que xestiona a empresa alacantina LaBici, estará dispoñible as 24 horas do día. Conta tamén cunha páxina web e unha APP móbil desde a que se poden consultar, entre outras cuestións, onde están as estacións ou cantas bicicletas hai libres en cada una delas.