Unha ONG internacional promocionará O Grove se suspende o 'tiro ao pombiño'
Por Oskar Viéitez
A Asociación Animalista Libera anunciou este xoves a primeira adhesión á súa campaña internacional para acabar co 'tiro ao pombiño' no Grove e por extensión en todo o territorio galego, coa primeira proposta da Fondation Franz Weber, unha entidade fundada en 1975 na localidade suíza de Montreux e que colabora coa UNESCO desde 2013.
Esta entidade helvética xa se puxo en contacto co alcalde do Grove para realizar unha curiosa oferta: Se o consistorio presiona e lógrase erradicar esta práctica de caza na contorna da Toxa, comprométese a publicar unha reportaxe no Journal FFW, un xornal ecoloxista editado pola propia fundación que posúe unha audiencia mínima de 250.000 lectores.
Segundo estiman os propios animalistas, se esta proposición fora realizada en formato publicitario, tería un custo mínimo de 100.000 euros, xa que os anuncios en países do norte de Europa teñen un orzamento moito maior, "sen esquecer que o retorno para O Grove pode ser moito maior, xa que a audiencia pode converterse en visitante-turista se a edición lles convence", argumentan.
Neste sentido LIBERA! subliña o seu interese por traballar en positivo para abolir un campionato que cualifican de "barbaridade" e unha "animalada", onde "decenas de miles de pitos de pomba, algúns coas ás recortadas, son literalmente rebentados a poucos metros do chan, ou noutras ocasións morren polo impacto contra a terra ou afogados no humidal".
Para os defensores dos animais o posicionamento fronte á última edición, cun Concello aberto a censurar a actividade polos seus malos tratos animais, e un Gran Hotel desligado das escopetas, evidencia que existen moitas posibilidades de trasladar esta cuestión ao Parlamento de Galicia con resultado positivo. Por outra banda, ningún grupo político grovense deu o seu apoio ao 'tiro ao pombiño' nas últimas semanas, o que interpretan como un "cambio de ciclo".
As entidades animalistas esperan agora a resposta do goberno local.
Relacionadas:
-
Asociacións animalistas piden suspender un campionato de tiro ao pombiño no Grove
Por Redacción |
-
O PP apoia a pervivencia do "tiro ao pombiño" polo retorno económico que xera
Por Oskar Viéitez |
-
Marea leva o 'tiro ao pombiño' ao pleno da Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
Piden que o Concello do Grove rexeite o "tiro ao pombiño"
Por Redacción |
-
Unha campaña de recollida de firmas pide suprimir o campionato de tiro ao pichón da Toxa
Por Oskar Viéitez |
-
AGE esixe retirar as excepcións das touradas e do tiro ao pombiño da Lei de Protección de Animais
Por Redacción |