108 menores de familias pontevedresas sen recursos benefícianse do programa de alimentos de verán
Por Redacción
O programa de alimentos de verán que o Concello de Pontevedra impulsou no verán de 2015 para garantir que a ningún neno pontevedresés lle falten alimentos frescos durante a época estival repítese este ano e beneficia a 108 menores de 46 familias do municipio.
O seu obxectivo é que todos os nenos poidan comer nas súas vivendas, cos seus pais e irmáns, sen ter que desprazarse a ningún comedor escolar e evitando, deste xeito, a visibilización da pobreza.
Segundo os datos facilitados polo Concello, os menores que forman parte do mesmo reducíronse con respecto ás 126 familias de 2015. A explicación vén dada pola axilidade na tramitación das rentas de integración social de Galicia (Risga) por parte da Xunta, que fixo que máis persoas dispoñan de recursos para mercar este tipo de produtos de primeira necesidade.
O programa é froito da colaboración da Fundación Amigos de Galicia e a Concellaría de Benestar Social Municipal e fai entrega dunha compra semanal a todas as familias que se acollen ao mesmo. A cesta da compra inclúe produtos frescos e de primeira necesidade adquiridos nun supermercado local e calculados en función do número de membros da familia.
Deste programa benefícianse os nenos becados nos comedores escolares polos servizos sociais municipais e os das familias que solicitaran axudas de emerxencia. Ademais, os nenos de familias usuarias de servizos sociais que van ás ludotecas reciben beca de comedor no tempo que están nelas.
Relacionadas:
-
Reforzan a entrega de alimentos aos nenos de familias sen recursos durante o peche dos comedores escolares
Por Natalia Puga |
-
Amigos de Galicia axuda cada mes a 26 familias necesitadas do Grove
Por Redacción |
-
A Concellería de Benestar Social garante alimentos no verán a todos os menores que o precisen
Por Redacción |