O PP aspira a repetir un gran mitin na praza de touros con 12.000 persoas para as eleccións autonómicas
Por Redacción & Mónica Patxot
Nas eleccións autonómicas do ano 2012 o PP de Pontevedra fixo unha proba de forza e organizou un gran mitin na praza de touros da cidade do Lérez como acto central da campaña coa asistencia do presidente nacional do PP, Mariano Rajoy, e 12.000 persoas no público.
De cara aos comicios galegos previstos para o vindeiro outubro, o partido aspira a repetir a fazaña cun novo acto igual de multitudinario. Así o anunciou este xoves o presidente provincial dos populares, Alfonso Rueda, durante o último comité executivo provincial deste curso político.
Rueda presidiu a reunión e avanzou que no momento no que se convoquen as eleccións autonómicas o partido nomeará xa o comité de campaña provincial que se encargará de organizar os actos e o desenvolvemento da campaña electoral con ese mitin como cita fixa no calendario, de modo que "hai que empezar a preparalo agora". Ademais, aspiran a que se celebre na provincia un ano máis o inicio do curso político a nivel nacional.
Como novidade, nesta convocatoria nomearanse tamén delegados de campaña en cada un dos concellos da provincia que teñan máis de 20.000 habitantes, isto é, en Vilagarcía, Marín, Ponteareas, Cangas, Redondela, Lalín e A Estrada. En atención aos resultados das últimas eleccións xerais, o Partido Popular foi a forza máis votada en todos estes concellos, agás en Cangas, pero, de todos os xeitos, Rueda considera que o partido ten que incidir nestes concellos e "dar o último empurrón porque son para nós obxectivo electoral preferente".
Segundo indicou o presidente provincial, a maquinaria do PP está "perfectamente engrasada" para afrontar estas novas eleccións cun obxectivo claro, acadar a maioría absoluta. "Temos un candidato indiscutible, hai experiencia de goberno, hai un proxecto de futuro para os próximos catro anos e iranse conformando as listas unha vez se convoquen as eleccións e se marquen os prazos", indicou.
Fronte a esta fortaleza do seu partido, que xa vai traballar "pensando en gañar as eleccións" e en facer propostas, Rueda sitúa a outros partidos que "discuten moito de postos nas listas, de navalleos políticos", pero non avanzan nas súas propostas para Galicia e que a punto de empezar agosto non saben aínda se van concorrer ás eleccións en coalición ou por separado.
Dentro do proceso de renovación que se puxo en marcha a nivel local no partido na provincia, Rueda anunciou que inmediatamente despois das autonómicas celebraranse os congresos locais en Vigo e Vilagarcía, nos que se prevén "renovacións tranquilas" porque "hai xente que leva moito tempo e quere dar paso e outra que vén con moita forza".
Relacionadas:
-
O PP aspira a encher a praza de touros con 10.000 personas no mitin central da campaña do 25-S
Por Natalia Puga |
-
Rueda avanza unha campaña do PP chea de propostas fronte ás "liortas" doutros partidos
Por Redacción |
-
Album de fotos: Mitin de Rajoy
Por Oskar Viéitez |
-
Rajoy asegura que apoiar a Feijóo será "votar por la unidad de los españoles"
Por Oskar Viéitez |
-
Dispositivo especial de tráfico polo mitin de Rajoy
Por Oskar Viéitez |
-
O PP esixe invitación para acudir ao mitin de Rajoy en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Mariano Rajoy acompañará a Núñez Feijóo no primeiro gran acto de campaña do PP
Por Redacción |