Un alcalde, un voto
Por Redacción
Esa é a proposta do Partido Popular. Que cada alcalde da provincia dispoña dun voto nunha especie de consello ou comisión para decidir entre todos as liñas xerais de reparto dos recursos económicos e a cantidade que a Deputación de Pontevedra destina aos concellos.
Este modelo, que os populares consideran máis xusto para distribuír os recursos económicos da institución provincial, pasa porque a presidenta convoque a todos os alcaldes a unha asemblea no Pazo Provincial antes do 15 de setembro, para nomear a comisión que decida por maioría tanto a cantidade como a distribución dos recursos económicos.
Os alcaldes populares sinalan que saben da "importancia" da Deputación e queren que "sexa útil". Nesta liña, recordan que a razón de ser das deputacións é servir de apoio aos pequenos e medianos concellos e diminuír as desigualdades de oportunidades entre o urbano e o rural.
No escrito, presentado por rexistro e asinado por todos os alcaldes populares na provincia, explican que "ante as dúbidas amosadas nas últimas semanas pola presidenta e o seu grupo de goberno" sobre como xestionar os recursos económicos da Deputación de Pontevedra, son os alcaldes quen mellor coñecen as necesidades dos veciños de cada municipio, pero tamén as posibilidades reais e a trascendencia que a institución provincial ten para ofrecer solucións.
Por iso consideran que neste novo modelo os alcaldes xogan un "papel fundamental", xa que serán os concellos os que van decidir e pactar como se distribúen os recursos económicos na provincia. Critican que "non é tolerable" que dos 150 millóns de orzamento que ten a Deputación, aos pequenos e medianos concellos "só cheguen 40".
Ademais de quedarse "moitos millóns no camiño", os alcaldes do PP critican que tamén se perderon moitos dos servizos que se prestaban aos veciños, e que a día de hoxe a Deputación "non está ao lado do deporte base, das asociacións culturais, dos colectivos veciñais ou das entidades sociais".
Este grupo de alcaldes están convencidos de que os alcaldes doutras formacións políticas tamén apoiarán este novo modelo, porque "non é en beneficio dos partidos políticos, senón a favor dos veciños e dos servizos que se lle prestan".
Por iso piden que a presidenta se deixe de "mensaxes triunfalistas" e insisten en que o plan proposto polo bipartito "non convence nin aos alcaldes do Partido Popular como tampouco a rexedores doutras formacións" porque consideran que foi "precipitado e improvisado".
Relacionadas:
-
Carmela Silva chama "primo de Zumosol" a Rueda por participar nun acto de protesta do PP contra a Deputación
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Carmela Silva esixe ao PP que "deixe de mentir" con argumentos "pueriles e sen contido"
Por Alejandro Espiño |
-
O "raca, raca, raca" da Deputación
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |