O demandado muro de peche do colexio de Tenorio xa está en marcha
Por Redacción
Un novo muro de peche no colexio de Tenorio e a renovación da cuberta do patio e a construcción do novo depósito de gasóleo no CEIP de Carballedo centran este verán as obras de mellora postas en marcha pola Consellería de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria nos centros educativos públicos de Cotobade aproveitando as vacacións estivais, e que contan cun orzamento global de 152.000 euros.
As obras xa empezaron e esta semana supervisáronas os técnicos da Consellería de Educación acompañados polo alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, e o xefe territorial, César Pérez Ares, segundo a información difundida polo Concello. Está previsto que estean rematadas para o inicio do curso escolar 2016-2017.
O patio do colexio de Carballedo é un recinto rectangular de catro augas que conta na actualidade cunha chapa moi deteriorada que provoca que haxa pingueiras e charcos, de modo que as obras que se acometerán este verán están encamiñadas á substitución da cuberta. Vaise retirar a cuberta actual para cambiala por un novo panel e instalar novos canalóns e unha lámina impermeabilizante.
Ademais, neste centro educativo habilitarase este verán un novo depósito de gasóleo e renovarase o sistema de saneamento, todo a través dunha mesma actuación que contempla un investimento global da Consellería de Educación duns 55.000 euros.
No colexio de Tenorio xa está a realizar unha obra moi demandada pola comunidade educativa que o PSOE mesmo levou ao Parlamento de Galicia, a construción dun novo muro de contención co que se pretenden solucionar as actuais deficiencias.
As deficiencias están na zona do patio que linda coa estrada que leva ao instituto e coa vía nacional N-541 e, para subsanalas, vaise desmontar o valado afectado e construirase un muro de peche en pedra do país. A actuación, que conta cun orzamento global de máis de 57.000 euros, completarase coa dotación dunha canle de evacuación de augas, a substitución dos valos que estean deterioradas e o pintado completo do peche do patio.
O colexio de Tenorio tamén verá mellorado todo o seu sistema de fontanería, xa que está previsto que nos vindeiros días se proceda á licitación desta actuación, á que se destinará un investimento de 40.000 euros.