Deteñen e envían a prisión por un tema xudicial previo a nai do bebé falecido en Bueu
Por Natalia Puga
A Policía Nacional detivo este luns á veciña de Bueu cuxo fillo faleceu a semana pasada tras nacer na casa sen asistencia sanitaria. O arresto non está directamente relacionado co nacemento do bebé, senón que se debe a unha débeda coa Xustiza que tiña a muller previamente.
Segundo confirmaron a PontevedraViva fontes policiais, a muller foi arrestada na mañá deste luns e pouco despois pasou a disposición xudicial. O xuíz decretou o seu ingreso en prisión en cumprimento dun requirimento de detención e ingreso en prisión que ditara a Audiencia Provincial de Pontevedra.
A muller púxose de parto en casa á primeira hora da mañá do luns 1 de agosto e a súa parella sentimental non avisou aos servizos sanitarios ata que o neno xa nacera. Cando chegaron os médicos á súa casa, o bebé falecera, o corpo foi trasladado ao Instituto Anatómico Forense de Pontevedra para practicarlle a autopsia e a muller foi trasladada ao hospital cun estado de saúde delicado. Alí permaneceu ata o sábado, pero fontes consultadas indicaron que ese día foise á súa casa sen autorización. Desde entón, estaban a buscala e este luns foi detida.
A muller fora condenada pola Audiencia por un delito contra a saúde pública e librouse do seu ingreso en prisión a cambio de seguir un tratamento de desintoxicación para facer fronte á súa forte adicción ás drogas. Tras ditarse sentenza, ingresou nun centro especializado, pero posteriormente abandonou o tratamento e a Audiencia ditou unha órden de procura, detención e ingreso en prisión para cumprir a pena de prisión inicial que lle impoñían.
A Garda Civil e o Xulgado manteñen aberta unha investigación para determinar as circunstancias nas que se produciu o nacemento e falecemento do bebé.