Unha obra de rehabilitación integral mellorará a eficiencia enerxética do CEIP Campolongo
Por Redacción
O CEIP de Campolongo vai ser obxecto dunha rehabilitación integral que ten como obxectivo mellorar a eficiencia enerxética e funcional das instalacións do centro e, polo tanto, o confort térmico e lumínico da comunidade educativa.
Segundo a información facilitada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a licitación desta rehabilitación publicouse no Diario Oficial de Galicia en conxunto cunha obra da mesma natureza que se vai realizar no CEIP Mestre Manuel García de Oia e entre as dúas van ter un investimento de 959.361,32 euros.
A actuación centrarase en mellorar o illamento térmico en xeral das instalacións, con actuacións concretas na fachada e nos falsos teitos. Así mesmo, substituiranse as fiestras e os lucernarios antigos por outros novos de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica, colocaranse persianas con illante térmico interior e mudaranse as luminarias por novos equipos de alta eficiencia enerxética.
Tamén se mellorará a instalación da calefacción e estímase que con todas as actuacións previstas se conseguirá un aforro enerxético anual do 47,5% neste centro.