Deteñen un mozo de 28 anos por insultar e golpear a súa parella
Por Redacción
A Policía Local de Pontevedra detivo na noite do pasado xoves un mozo de 28 anos veciño da cidade por presuntamente insultar e golpear á súa parella sentimental durante unha discusión.
Segundo informou a Policía Local, a voz de alarma deuna un particular sobre as 22.30 horas do xoves día 11, cando escoitou berros en casa dos seus veciños e como unha muller pedía socorro. Tras recibir o aviso, os axentes desprazáronse á casa e entrevistáronse tanto co cidadán alertante como coa muller que presuntamente pedira axuda.
A muller contou aos axentes que acababa de ser agredida pola súa parella. Segundo explicou, tiveron unha forte discusión e el acabou insultándoa e golpeándoa, de modo que ela empezou a gritar e pedir axuda. Ante esta petición de socorro, o seu agresor marchou de casa.
Varias patrullas da Policía Local empezaron a buscar o presunto agresor por mor da descrición e os datos facilitados pola vítima. Unha hora máis tarde atopárono no domicilio dun familiar e procederon á súa detención e traslado á Comisaría da Policía Nacional para a súa posterior posta a disposición xudicial.