Localizan con vida un home desaparecido o domingo na Illa de Ons
Por Redacción
Salvamento Marítimo e a Garda Civil localizaron nas últimas horas da tarde deste martes un home que desaparecera o domingo na Illa de Ons. Trátase dun home que, segundo a Garda Civil, reside durante o verán coa súa familia nunha vivenda da illa.
Durante a xornada do domingo indicou aos familiares que ía pescar un polbo. Desde entón non se volvera ter noticias do desaparecido e saltou a alarma ao comprobar que a embarcación que utiliza para a pesca continuaba no peirao da illa.
O helicóptero Pesca I de Salvamento Marítimo e a patrulleira do Servizo Marítimo da Garda Civil inspeccionaron toda a contorna durante as últimas horas ata que no serán desta tarde era atopado nuns cantís con vida e iniciouse o operativo de rescate.