Investigan tres roubos en pisos da contorna da zona de festas
Por Redacción
A Policía Xudicial da Comisaría Provincial mantén aberta unha investigación para aclarar tres roubos producidos durante a fin de semana nas rúas Rosalía de Castro e Palamios, na contorna do recinto no que se celebran as festas.
Segundo confirmaron fontes policiais, os propietarios de dous pisos situados no número 15 da rúa Palamios denunciaron na Comisaría os feitos o pasado domingo, 14 de agosto, mentres que teñen coñecemento dun terceiro roubo no número 30 da rúa Rosalía de Castro do que aínda non se formalizou a denuncia.
Na casa da Rosalía de Castro accederon ao interior sen forzar a porta, pero, para acceder ás dúas vivendas de Palamios, os ladróns esnaquizaron a fechadura e, tras acceder á forza ao interior, arrasaron con todo o que se atoparon.
Nestas dúas vivendas da rúa Palamios levaron 5.000 euros en efectivo nunha e 1.600 noutra, ademais de xoias de gran valor, aparellos informátricos como tablets e outros aveños como un reloxo valorado en 6.000 euros, produtos cosméticos de gran valor ou bolsos de marca.
Os propietarios non estaban nas vivendas no momento en que se produciron os asaltos, pero manteñen que se produciron nalgún momento da tarde. Tras decatarse do ocorrido, alertaron á Comisaría e a Policía Científica desprazouse aos seus domicilios para tomar pegadas e buscar probas dos feitos. A continuación, asumiu a investigación a Policía Científica.