Exame ao estado das obras nos colexios de Cotobade
Por Redacción
O conselleiro de Educación da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, xunto ao alcade de Cotobade, Jorge Cubela, mantiveron unha reunión con representantes das asociacións de nais e pais (Anpas) do municipio na que explicaron o estado das obras que se están levando a cabo nos centros educativos.
Durante este verán a consellería está a acometer obras por valor de 152.000 euros nos colexios de Carballedo e Tenorio.
En concreto no primeiro deles estase renovando a cuberta do patio para eliminar pingueiras e estase instalando un depósito de gasóleo e sistema de saneamento. Pola súa banda en Tenorio estase a constuír un muro de contención co que se pretenden solucionar as deficiencias na zona do patio que linda coa estrada, desnivelada por un corremento de terras. A actuación complétase coa instalación dunha canle de evacuación de augas, a substitución do valo afectado e o pintado do peche do patio. Ademais estase instalando un novo sistema de fontanería.
Entre as dúbidas expresada polas Anpas, Román Rodríguez garantiu que o proceso de fusión con Cerdedo non afectará os centros xa que os servizos educativos dependen dun cociente de alumnos que non variará coa unión de ambos os municipios.