A Policía Local agarda que o paso de La Vuelta o luns por Pontevedra incida levemente no tráfico
Por Redacción
A Volta Ciclista a España pasará por Pontevedra o vindeiro luns 22 entre as 13.00 e as 13.15 horas, segundo informa a Policía Local.
Está previsto que os ciclistas cheguen procedentes de Marín á cidade pola rúa Rosalía de Castro, a antiga estrada de Marín, para atravesar Manuel do Palacio, a avenida de Marín, San Roque, Paseo de Colón e a saída do municipios será a través da ponte da Barca por onde continuarán en dirección a Sanxenxo pola estrada da costa.
O paso do pelotón pola capital é neutralizado, de maneira que os ciclistas virán agrupados e os cortes de tráfico previstos serán breves. Pecharanse as rúas do percorrido cinco minutos antes da chegada dos corredores co obxectivo de garantir a seguridade.
Abrirase a circulación ao tráfico unha vez que pasen os ciclistas. Non se prohibirá o estacionamento, pero durante o percorrido, os vehículos que se atopen estacionados non poderán moverse ata que finalice o paso do pelotón.
A Policía Local recomenda utilizar a AP-10 para evitar a utilización do tramo entre a avenida de Marín e Fernández Ladreda, que quedarán bloqueadas ata o paso dos ciclistas.