Un ciclista resulta ferido ao impactar contra un muro no Grove
Por Redacción
Un home resultaba ferido a primeiras horas da mañá deste domingo 21 de agosto cando, por causas aínda por determinar, a súa bicicleta saía da estrada do Conde no municipio do Grove e golpeaba contra un muro.
Un particular que presenciou o suceso púxose en contacto co servizo de Emerxencias do 112 Galicia ao redor das 9.00 horas para alertar do incidente. O ciclista atopábase sangrando abundantemente despois do impacto. Desde o Centro de Atención ás Emerxencias estableceuse comunicación con Urxencias Médicas. Tamén se informou aos Bombeiros do Salnés, ao GES de Sanxenxo, a Protección Civil e á Policía Local do Grove.
O ciclista foi trasladado nunha ambulancia a un centro sanitario e o seu estado non revistía gravidade.