Todo a punto para a posta en marcha dos primeiros composteiros comunitarios de Monte Porreiro
Por Redacción
Os mestres composteiros asignados a Monte Porreiro, técnicos municipais, o presidente da asociación de veciños do barrio, Carlos Fagilde e a concelleira de Medio Ambiente, Carme da Silva, mantiveron unha xuntanza coa fin de intensificar os traballos para a posta en marcha dos composteiros xa instalados.
O barrio de Monte Porreiro conta xa con tres composteiros comunitarios. Están localizados na praza de Europa, na rúa Italia e na rúa Alemaña. Son 18 módulos (seis en cada un) para realizar os distintos procesos de tratamento do compost. Fixéronse probas coa fin de acreditar unha correcta instalación e funcionamento.
Estes primeiros composteiros chegan da man do plan Revitaliza da Deputación que tamén instalará un cuarto composteiro comunitario na parroquia de Campañó con usos especiais (cemiterio, restaurantes, veciños non residentes...), xa que no rural o xeral será o uso de composteiros individuais.
Pola súa banda o Concello de Pontevedra está a tramitar a adquisición dos composteiros comunitarios que se despregarán polos barrios de Monte Porreiro e de Campolongo, onde as veciñanzas pediron pór en marcha o sistema alternativo de recollida de lixo. Con este obxectivo hai consignada unha partida de 130.000 euros.
Está previsto despregar un total de 204 módulos de compostaxe en 33 puntos do barrio de Monte Porriro e 105 módulos no de Campolongo. O despregue comezará a volta do verán.
O PROCESO DA COMPOSTAXE
O proceso de compostaxe é un proceso biolóxico aeróbico no que se mezclan os restos de comida e vexetais do lixo (que supón máis do 40% do lixo que xera cada domicilio) cun estruturante ou parte seca que provén de podas de materia leñosa.
Os veciños só terán que depositar o seus residuos orgánicos no primeiro módulo do composteiro e aportar un pouco de estruturante. Despois serán os mestres composteiros os que se encarguen de controlar que todo o proceso se faga correctamente realizando medicións de temperatura, os volteos necesarios para osixenar a mistura e corrixir os posibles problemas que se presenten.
Os composteiros comunitarios están formados por tres módulos dun metro cúbico que darán servizo a unhas 60 persoas. Os cidadáns terán que depositar os seus desperdicios no primeiro dos módulos, que se calcula que estará cheo no prazo dun mes para que logo os mestres composteiros vaian trasladando o produto ao módulo seguinte. Logo doutro mes, a materia orgánica pásase ao terceiro módulo. Pasados uns 90 días xa se obtén o compost.
Relacionadas:
-
San Antoniño súmase ao Plan de Compostaxe
Por Redacción |
-
O compost de Monte Porreiro usarase na horta ecolóxica do barrio cuxa colleita será para o Banco de Alimentos
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación completa a primeira fase do Plan Compost Revitaliza "con gran éxito"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Monte Porreiro empeza a 'compostar'
Por Redacción |
-
Arranca a segunda fase do Plan Compost
Por Redacción |
-
Xuntanza en Monte Porreiro polos composteiros comunitarios
Por Redacción |