Bruce e Iker atopan un fogar
Por Redacción
Iker e Bruce atoparon un novo fogar. Tras ser localizados nun monte de San Clemente, en Caldas de Reis, a agrupación de Protección Civil da localidade pediu axuda para atopar un dono para estes dous cachorros e a procura tivo efecto. Ambos os dous están xa nas súas casas de Pontevedra e Caldas.
Os cachorros abandonados atoparon fogar grazas á implicación dos voluntarios de Protección Civil e á difusión da súa historia por parte de PontevedraViva. En menos de dous días, conseguiuse que dúas persoas respondesen á chamada de SOS e adoptasen aos dous cans.
Bruce, o cachorro de cor negra, foi adoptado por unha moza de 20 anos veciña de Caldas de Reis que mantén unha relación cun dos voluntarios da agrupación. Iker, o seu 'irmán' marrón, foise a máis lonxe, a unha casa de Pontevedra. Unha muller leu neste xornal a información da aparición dos cachorros abandonados e púxose en contacto con Protección Civil para adoptalo e que pase a facerlle compañía á súa nai, de idade avanzada.
Os cans foron localizados por un adolescente de 16 anos cando daba un paseo en bicicleta polo monte e, pouco despois, presentáronse na zona tres voluntarios de Protección Civil de Caldas, que se fixeron cargo dos cachorros á espera de que alguén os adoptase e proporcionáselles un fogar.