O Porto de Marín recibirá estes días máis de cen mil toneladas de graneis sólidos
Por Redacción
Desde este venres e durante os próximos días o Porto de Marín vai operar descargas de graneis sólidos que suman preto de 120.000 toneladas. Este mesmo venres atracou nos peiraos Leirós o buque Zina, con 19.000 toneladas de soia e está fondeado o Kp Albatros que trae 33.000 toneladas de millo.
Trátase de buques de gran porte, con 180 e 200 metros de eslora respectivamente. As descargas completaranse con outros dous buques previstos para esta fin de semana, o Nina Marie con 27.500 toneladas de soia e o Arundo, que descargará fariña de peixe. A principios da próxima semana sumarase outro buque con máis de 30.000 toneladas. Os cinco barcos están consignados polo Grupo Nogar.
O dos graneis sólidos é un dos tráficos que contan con certificación europea de calidade no Porto de Marín, onde existen operadores e medios de manipulación especializados para este tipo de mercadoría ademais de novas infraestruturas de almacenamento.
Ademais, é unha das principais mercadorías que se moven a través do ferrocarril do Porto, que é centro loxístico de distribución de graneis para Portugal e a meseta. Durante o exercicio 2015 os graneis sólidos creceron en Marín un 17% con respecto ao ano anterior e as perspectivas do presente exercicio son que se manteña esta tendencia á alza.