O Observatorio da Gobernanza 'empoderará' as mulleres de Poio
Por Redacción
Mellorar as competencias laborais e de autoemprego de mulleres con dificultades para acceder ao mercado de traballo é o propósito principal de Empoderadas, o proxecto formativo que a Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) de Poio poñen en marcha baixo a coordinación académica da Área de Ciencia Política e da Administración-Observatorio da Gobernanza G3 da Universidade.
A través da metodoloxía do Design Thinking, dirixida a promover a innovación a través de procesos de traballo colectivos, o profesor Enrique Varela e o experto nesta materia Pedro Junqueira Martins, traballarán coas participantes neste curso no desenvolvemento de competencias que lles permitan "deseñar o seu propio futuro laboral", como salienta Varela.
O programa formativo de carácter gratuíto dará comezo o vindeiro martes 20 no CIM, aínda que manterá aberta a súa inscrición nas próximas semanas, foi presentado este venres en rolda de prensa pola concelleira de Igualdade, Rosa Fernández, e as técnicas do CIM Raquel Morales e Lidia Fazanes, xunto con Varela e Martins.
Cofinanciado polo Concello e a Deputación de Pontevedra, Empoderadas combina 60 horas de formación presencial con 30 de aprendizaxe e seguimento dos proxectos a través da rede, e a inscrición pode realizarse a través do teléfono 986872401 e do correo electrónico igualdade@concellodepoio.org.