O plan de emerxencias contra incendios do Hospital Provincial funcionou "correctamente"
Por Redacción
O informe realizado por persoal técnico do Servizo Central de Prevención de Riscos Laborais determina o correcto funcionamento do Plan de Emerxencias contra incendio no Hospital Provincial de Pontevedra.
O documento recolle que o sector do servizo de Psiquiatría está dotado de todos os medios que "cobren as necesidades requiridas pola normativa legal de protección contra incendios".
A elaboración do documento deu comezo o pasado 14 de setembro nunha visita ao centro hospitalario realizada por un técnico do Servizo Central de Prevención de Riscos Laborais, que estivo acompañado polos delegados de prevención do Comité de Seguridade e Saúde, así como de persoal de seguridade do hospital Provincial, a xefa de persoal e o xefe e a supervisora do servizo de Psiquiatría.
Nesta visita, o técnico recompilou información sobre o incidente acontecido o domingo 11 de setembro na área psiquiátrica concluíndo que "os dispositivos funcionaron correctamente, o que permitiu detectar a emerxencia e actuar para evacuar inmediatamente aos ocupantes, iniciar a extinción do incendio e realizar o aviso de medios externos".
Por outra banda, o documento detalla as accións realizadas polo persoal do centro hospitalario, as hipóteses da causa que orixinou o lume, que coincidindo coas da Policía científica e Bombeiros levan a supoñer que foi intencionado; o resto de medios empregados e os danos ocasionados.
Os danos materiais na zona afectada céntranse na súa práctica totalidade no mobiliario e na instalación eléctrica e de iluminación, climatización, carpintería metálica e de madeira, sistema contra incendios, teito, solos, entre outros, destruídos polo lume nos focos do incendio.
Así mesmo, o informe técnico recolle unha serie de propostas para a unidade de Psiquiatría que, malia que non influíron na actuación realizada, a Xerencia valorará en aras de mellorar. Entre elas destacan: dar aviso a un segundo vixilante ante un suceso destas características, incidir nas particularidades que presenta un servizo como o de Psiquiatría dentro do Plan de Emerxencias, especialmente os días festivos, e a identificación visible do xefe de intervención correspondente.
No tocante aos traballos de recuperación da zona afectada, estes xa deron comezo co obxectivo de habilitar a área psiquiátrica coa maior celeridade posible. En concreto, este martes están procedendo á reparación dos danos as empresas responsables da cristalería, carpintería e albanelaría. Pola súa parte, os encargados da área de Subministración están ultimando as compras do material que foi imposible recuperar tras o incendio.
Relacionadas:
-
Comeza o traslado dos pacientes á área de Psiquiatría do Provincial
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
A reforma integral da área de Psiquiatría do Provincial avanza a bo ritmo
Por Redacción |
-
A área de Psiquiatría do Hospital Provincial, limpa, pero á espera do informe de danos do incendio
Por Redacción |
-
VÍDEO.- O día despois do incendio na área de Psiquiatría do Provincial: imaxes e investigación
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |
-
Abren unha investigación para aclarar a orixe do lume no Provincial, con tres focos e presuntamente provocado
Por Natalia Puga & Diego Torrado |
-
Desaloxan 11 pacientes e atenden 4 traballadores por inhalar fume nun incendio no Hospital Provincial
Por Diego Torrado & Natalia Puga | Creada e actualizada