O Pleno da Deputación cambia as regras do xogo
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O Pleno deste venres aprobou de maneira definitiva o Regulamento Orgánico da Deputación. É dicir, as regras do xogo coas que se dota a institución para o desenvolvemento das sesións plenarias.
O texto saíu adiante cos votos do os grupos que conforman o goberno provincial PSdeG e BNG, sumando o apoio de Son-Marea que unicamente pediu "que sexa aplicado con sentido común", dixo o deputado Xosé Lois Jácome.
O Partido Popular reprochou que non se tiveron en conta ningunha das súas alegacións que, segundo resumiu a portavoz Nidia Arévalo, pedían maior flexibilidade nas intervencións dos deputados.
Os portavoces do Bloque e do Partido Socialista, César Mosquera e Carlos López Font, coincidiron en responsabilizar aos populares de "converter os plenos nun circo" acusándolles de "un boicot permanente" e de non ser unha oposición "útil".
MODIFICACIÓN DE CRÉDITO
A orde do día do Pleno tamén incluíu unha nova modificación de crédito, a terceira deste mandato, que foi aprobada. Trátase dun crédito extraordinario de algo máis dun millón de euros que o PP pediu "que se destine aos danos dos temporais e a poñer en marcha obras que teñen paralizadas" e que o goberno provincial destinará "a obras en concellos".
O debate desta modificación de crédito estivo marcado pola intervención da presidenta, Carmela Silva, que retirou a palabra a Nidia Arévalo e recriminou a actitude do deputado socialista David Regades, en ambos os casos "por non cinguirse ao punto" que se estaba tratando.