Inician o asfaltado dun camiño en Santo Tomé
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo comezou o acondicionamento dun camiño en Santo Tomé, en Gondar, co que pretende mellorar o acceso a explotacións agrarias.
Os traballos execútanse dentro do Plan Marco, grazas ao financiamento europeo con fondos Feader, e comezaron coa roza e limpeza do camiño, retirando toda a vexetación herbácea. Ademais a empresa adxudicataria procedeu a realizar tamén movementos de terra na zona.
Trátase dun viario de 390 metros de lonxitude que discorre paralelo á PO-504 e que agora será asfaltado.
O custo dos traballos faise con cargo ao Plan Marco pero o Concello achega 4.500 euros para dar cumprimento aos condicionantes postos pola Xunta para autorizar a obra, entre os que se atopa a colocación dunha reixa que canalice as augas pluviais evitando que discorran polo firme da PO-504.
O recheo dunha focha de considerables dimensións con pedra, aparecido tras a limpeza dos laterais do camiño, é unha das cuestións supervisadas este martes polo alcalde, Gonzalo Pita, e o concelleiro de Urbanismo, Daniel Fernández, do mesmo xeito que a retirada dun poste elécrico que contribuirá a mellorar o ancho do viario.