Acometen melloras na iluminación pública de Forxán e Progreso
Por Redacción
A Concellería de Servizos do Concello de Sanxenxo adxudicou dúas importantes obras de mellora da iluminación pública no municipio, a primeira delas afecta as zonas de Forxán, en Adina, e a rúa Progreso e a segunda a Arnosa, en Vilalonga, ambas as financiadas con cargo ao Plan Concellos da Deputación.
Esta mesma semana comezaron os traballos de execución da mellora da iluminación pública en Forxán e na rúa Progreso, en ambos os casos instalacións que teñen moitos anos de antigüidade, atopándose na actualidade coas canalizacións afundidas en parte e os condutos eléctricos con derivacións a terra en varios tramos, así como cos CM totalmente obsoletos, carentes de proteccións e incumprindo a normativa eléctrica vixente, o que estaba a provocar continuos cortes na subministración eléctrica que alimenta as iluminacións en ambos os lugares.
A actuación busca a adecuación destas dúas instalacións de iluminación pública, reparando as canalizacións subterráneas nos tramos nos que se atopan deterioradas, instalando novos condutores eléctricos, elementos de protección e dotando de novos CM que cumpran a normativa en vigor.
En ambos os casos as actuacións para realizar céntranse na retirada e desmonte dos elementos da instalación da iluminación pública existente para ser substituído; a reparación das canalización da iluminación pública situada nas beirarrúas naqueles puntos nos que sexa necesario; o saneo das arquetas de paso, a instalación de novos condutores eléctricos, coas seccións necesarias, así como de tres novos báculos de 9 metros de altura con brazo de 1,50 metros e a legalización das instalacións.
Estas obras, para cuxa execución a empresa adxudicataria dispón dun mes de prazo, teñen un orzamento de 57.032 euros
No caso de Arnosa o custo da actuación supera os 27.000 euros e inclúe a substitución da actual iluminación existente a base de luminarias de VSAP por un novo de LED de última xeración, conseguindo así unha mellora na seguridade viaria e peonil e un importante aforro no consumo de enerxía eléctrica.
Entre as actuacións para realizar en Arnosa está a retirada e desmonte dos elementos da instalación da iluminación pública existente, que van ser substituídos; a instalación de cinco novos apoios de formigón para o tendido da iluminación pública e de cable condutor e a instalación de 25 puntos de iluminación formados por luminarias de LED de 44W, dun CPM e de tomas de terra.