O Tribunal Supremo ratifica a nulidade do Plan de Usos do Porto
Por Oskar Viéitez
A Sala Terceira do Tribunal Supremo confirmou a sentenza de 2013 da Audiencia Nacional pola que estimaba en parte o recurso promovido polo Centro de Lecer Marín-Morrazo, S.L., co que ratifica a anulación da orde pola que se aprobaba a modificación do plan de utilización dos espazos portuarios do Porto de Marín e ría de Pontevedra.
O Tribunal desestimou o recurso da Administración Xeral do Estado e a Autoridade Portuaria de Marín, tras inadmitir un dos motivos que alegaron estas institucións e desestimar os outros tres, co que resolve que "non ha lugar ao recurso de casación" e confirma a sentenza previa da Audiencia Nacional.
O Tribunal Superior coincide coa sentenza recorrida en que "resultaba necesario someter a modificación do plan de usos dos espazos portuarios a avaliación ambiental, o que non se fixo tras unha deficiente tramitación do procedemento de decisión".
Ademais o Tribunal considera "inaceptable" a tese do Plan fora xa obxecto de avaliación ambiental específica e sostén que "a modificación substancial do plan de usos debe ser sometida a avaliación por si mesma".