O programa Máis Emprego 2016 mellorará a inserción laboral de 60 persoas en Cuntis e Caldas
Por Redacción
Un total de 60 persoas dos concellos de Cuntis e Caldas de Reis participarán no programa Máis Emprego 2016, no que durante un ano recibirán formación en oito disciplinas para facilitar o seu acceso ao mercado laboral.
Nesta iniciativa investiranse 130.532,49 euros e está dirixida a menores de 30 anos e menores de 30 anos de baixa cualificación e persoas perceptoras de rendas de inserción ou subsidios de desemprego, que carecen de calquera outro ingreso.
Este programa ofrecerá aos participantes unha cualificación adaptada á demanda do mercado laboral, segundo destacou na súa presentación o director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes.
En concreto, formaranse en coidado de xardíns, mantemento forestal, promoción turística e atención comercial, soldadura e fontanaría, xestión loxística e de almacenamento e stocks, supermercados, hostalaría e prestación de servizos en institucións sociais para perfís dependentes e carnés requiridos para actividades profesionais.
A través destes itinerarios, ademais de incidir na formación, executáronse accións dirixidas á prospección empresarial e á orientación laboral dos participantes.
O director xeral tamén puxo en valor a importancia da cooperación entre a Xunta e os concellos para o desenvolvemento destes programas integrados de emprego; ao tempo que recordou que este ano se puxeron en marcha en Galicia 28 novas iniciativas, cun orzamento de preto de 3 millóns de euros e co obxectivo de beneficiar a preto de 1.700 persoas.