O BNG de Marín inicia unha campaña para evitar o derrubo da Casa do Mar
Por Oskar Viéitez
Evitar o derrubo e conseguir que a Casa do Mar sexa un punto de encontro para os mozos de Marín. Ese é o obxectivo marcado polo BNG, e para conseguilo anuncia unha serie de accións tanto sociais como institucionais.
O Bloque aposta por un proxecto compatible co mantemento da gardería, e incluso coas oficinas que o Instituto Social da Marina mantén no piso superior.
"Queremos que a Casa do Mar pase a ser un centro cívico destinado á mocidade, onde os xoves poidan desenvolver actividades de ocio e formación, e que permita a creación de asociacións xuvenís que favorezan a vida municipal e a convivencia entre eles, e que ao mesmo tempo lles permita ter un lugar de encontro. Marín non pode continuar permitindo que os nosos xovenes se desarraiguen do seu concello", din dende o grupo municipal do BNG.
A propiedade do inmoble segue en mans do Instituto Social da Marina. Por iso, solicitarán unha reunión co director provincial deste organismo, co obxectivo de darlle a coñecer o seu proxecto e saber, de primeira man, cales son exactamente as posibilidades de uso para o Concello.
No eido social o BNG celebrará unha asemblea aberta e levará a cabo unha campaña informativa que tamén incluirá actos reivindicativos.