Limpezas de camiños, iluminación, así como obras de saneamento copan as demandas dos veciños de Noalla
Por Redacción
O alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, mantivo durante toda a mañá deste mércores o seu despacho nunha das salas da Casa Forestal das Canteiras, onde estivo acompañado pola edil de Seguridade, Vanessa Rodríguez Búa; e os concelleiros de Servizos, Urbanismo e Deportes, Maxi González, Daniel Fernández e Suso Sueiro.
Desde as 9.30 horas e ata as 13.30, o goteo de veciños foi constante, trasladando tanto ao alcalde como ao resto do Goberno local a urxencia de acometer diferentes actuacións relacionadas con limpezas de leiras, de camiños, reposición dalgún punto de luz, así como obras de saneamento e abastecemento de auga.
Ata As Canteiras desprazáronse tamén os presidentes da Comunidade de Montes de Noalla, Roberto Garrido, e da asociación de veciños San Esteban, José Carlos Arousa, para reiterar ao Goberno local diferentes peticións nas que xa traballan as concellerías competentes e que, en moitas cuestións, son coincidentes.
Os veciños de Noalla solicitan o repintado de varios viarios interiores que atravesan a parroquia e que son de titularidade municipal. Neste sentido, o Goberno local intermediou coa Deputación Provincial para que proceda á adecuar a sinalización horizontal nestas estradas, xa que isto resulta imprescindible para garantir a seguridade de condutores e peóns.
Os representantes veciñais interesáronse tamén pola evolución de determinados expedientes que afectan a Noalla, como o relativo á Casa cuartel.
Gonzalo Pita continuará coa súa rolda de atención directa aos veciños o día 16 de novembro, no mesmo horario de 9.30 a 13 horas, data na que instalará o seu despacho no Pazo Emilia Pardo Bazán.
O calendario fixado desde o Goberno local levaralles tamén o 23 de novembro ao Usos Múltiples de Vilalonga e o 30 a Portonovo.