Unha dependenta de Pontevedra persegue un home que roubara prendas na súa tenda
Por Redacción
Carlota Lago, dependenta da tenda de roupa deportiva Mission, non o pensou dúas veces cando a alarma do establecemento comezou a soar. Saíu á rúa Peregrina e encarouse co home que acababa de saír do local. Nese momento, o presunto delincuente díxolle que levara unha gorra sen pagar e pedíalle perdón.
Pero a moza preguntoulle que levaba nunha mochila e nunha bolsa que portaba. O home mostroulle o contido da mochila pero no momento en que Carlota reclamáballe que abrise a bolsa deuse á fuga polas rúas Cruz Gallástegui e Blanco Porto.
A moza reaccionou de inmediato. Lanzouse á carreira detrás do autor do furto. Ao seu paso, moitos peóns víana sorprendidos mentres outros se sumaron á persecución sen lograr darlle alcance. Eran case as 19.00 horas e o seguimento do home durou ao redor de dez minutos.
A Policía Local enviou dúas patrullas para tentar localizalo. Fixérono na contorna de San Antoniño. Ademais do pantalón atopáronlle un perfume presuntamente subtraído dunha tenda da rúa Castelao. As dúas prendas furtadas en Mission teñen un valor de máis de 100 euros.
Carlota afirma que non chegou a pensar o perigo ao que se sometía encarándose e despois perseguindo ao presunto ladrón. Apunta a que como dependenta da tenda é responsable do que poida pasar e por iso respondeu o seu instinto seguindo ao home.