23.000 euros para "poñer orde e estética" no mercado tradicional de Bueu
Por Redacción
A empresa Construcciones y Proyectos Abilleira S.L. executará as obras de renovación do espazo destinado ao mercado tradicional de Bueu, no que se venden produtos da horta e que na actualidade se atopa sometido ás inclemencias meteorolóxicas.
Segundo a información aportada polo Concello de Bueu, o custe de adxudicación é de 22.919,01 euros, cunha rebaixa de case a metade sobre o orzamento total inicial. Conta cunha subvención do 70% da Consellería de Economía, Emprego e Industria.
A actuación vai consistir na inclusión dunha cuberta inclinada, mediante paneis tipo sandwich. Ademais, o proxecto compleméntase cun soporte de bancadas, que serán realizados en pedra tipo granito silvestre, e cunha base de listóns de madeira tropical, que servirán tamén de bancos cando non se celebre o mercado.
O obxectivo é poñer "orde e estética" mediante a eliminación dos parasois dos postos e caixas, e ordenando a súa colocación. A modernización da imaxe do mercado tradicional é unha das liñas estratéxicas que camiñan na defensa do produto local e dos espazos de venda, nos que tamén se atopa a Praza de Abastos.