O SUP denuncia "escaseza de persoal" na Comisaría de Marín e advirte dun "posible peche"
Por Redacción
O Sindicato Unificado de Policía (SUP) criticou este xoves a "escaseza de persoal" que hai na Comisaría da Policía Nacional de Marín como froito dos recortes na oferta de emprego público dos últimos anos e alertou de que, ademais, a situación pode complicarse nos próximos meses ao estar prevista a xubilación ou pase a segunda actividade de "un número importante" de funcionarios.
A situación prolongarase, segundo advirten, polo menos ata que no ano 2018 xuren o cargo os profesionais da escala básica que se atopan en período de formación en Ávila.
Ante tal evidencia, esixen ás autoridades que tomen medidas para paliar este "déficit de persoal" e así evitar un "posible peche". Demandan, en concreto, a convocatoria de prazas para a Comisaría no próximo concurso xeral e, mentres tanto, que se dote de máis orzamento para servizos extraordinarios remunerados ou se destine a máis funcionarios en comisión de servizos.
A situación é, ao seu entender, "preocupante", pois non cubre a taxa de reposición e "ameaza" unha prestación "eficaz" de moito servizos básicos que teñen encomendados, ademais de notarse xa na "escasa presenza de efectivos policiais nas rúas". Durante o último mes, houbo numerosas ocasións nas que Marín quedou sen vehículo 'Zeta' e houbo días nos que a falta de persoal na oficina de denuncias obrigou a derivar as denuncias a outras oficinas próximas ou a instar os cidadáns a que regresen noutros horarios.
A secretaria provincial do SUP, Sandra Fernández, indica nun comunicado de prensa que o actual catálogo de postos de traballo contempla para Marín unha persoal de 62 funcionarios, pero na actualidade hai 17 vacantes, isto é, falta o 27,41% do persoal. Co catálogo completo, habería un policía por cada 401 veciños de Marín -o padrón en 2016 é de 25.878 persoas, pero na actualidade hai un para cada 553 cidadáns.
Relacionadas:
-
Mobilización sindical "en defensa dos dereitos dos policías nacionais"
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |
-
A partir do 1 de decembro será necesario pedir cita previa para renovar o DNI en Marín
Por Redacción |
-
A Unión Federal de Policía informa ao Concello de Marín das deficiencias no servizo
Por Redacción |