Os pensionistas sairán á rúa en defensa das súas pagas e dos seus dereitos
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Aseguran que están cansados da perda de poder adquisitivo que estás a sufrir desde hai anos. Os pensionistas da comarca de Pontevedra reunidos a través da CIG afirman que a última reforma das pensinoes executadas polo PP elimina o IPC para incrementar as pensións e supón un recorte que reduce ata nun 20% as pagas futuras.
O colectivo de xubilados e pensionistas da CIG, a través dos seus portavoces Felipe Aragunde e Victoria Fernández, denunciaron que a pensión media en Galicia está máis de 15 puntos por baixo da pensión media do Estado. Sinalan que un traballador xubilado cobra en Galicia 300 euros menos que un pensionista que exercese o mesmo traballo noutras comunidades autónomas como Asturias ou Madrid.
Ademais, inciden en que se rexistra unha discriminación cara ás mulleres nas pensións contributivas debido a unha vida laboral máis precaria, que está a provocar que unha de cada catro mulleres maiores de 65 anos atópese baixo a liña de pobreza.
Aseguran que hai miles de galegos que sofren fame e frío todos os meses porque non lles chega a paga. Ademais algúns destes afectados teñen que soster a economía familiar a través das súas pensións. A este colectivo tamén se suman os emigrantes retornados, que manteñen o seu conflito con Facenda.
Ante esta situación de perda de poder adquisitivo cada vez máis grave, os pensionistas queren iniciar unha campaña para defender os seus dereitos e o futuro das súas pagas. Comezarán unha recollida de firmas, que se manterá ata febreiro de 2017, para presentar ante o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, para mostrar o seu malestar e reclamar que se derroguen todas as políticas e reformas.
O 17 de novembro levarán a cabo unha concentración ante as oficinas da Seguridade Social de Pontevedra, na rúa Gagos de Mendoza.