Oito bebés inscritos en 2016 permiten na Lama mellorar a súa taxa de natalidade
Por Redacción
Un total de oito recén nados inscribíronse este ano no padrón de habitantes do Concello da Lama, o que permite, segundo destacan desde o goberno local, mellorar a súa taxa de natalidade.
Este aumento coincide coa posta en marcha este ano da concesión dunha axuda de 500 euros, durante un máximo de dúas anualidades consecutivas, compatible con calquera outra subvención por este concepto.
O alcalde, Jorge Canda, sinalou que esta iniciativa formaba parte do programa electoral do PP e indicou que estas axudas por nacemento son totalmente compatibles con calquera outra que se outorguen a nivel autonómico ou estatal e que a súa intención é fomentar dalgunha maneira a natalidade e, ao mesmo tempo, fixar poboación no municipio.
"Un dos problemas que teñen os municipios rurais e do interior da provincia, como o da Lama, é a baixa natalidade, o envellecemento da poboación e a necesidade de enraizar habitantes nos núcleos rurais xa que se non a poboación diminúe ao abandonar as aldeas por falta de oportunidades e iniciativas que axuden ás persoas que optan por quedar a atopar un aliciente máis", sinalou Jorge Canda.
En todo caso, A Lama entende que aínda que non poden solucionar en solitario estes problemas, "temos a obrigación de tomar a iniciativa e poñer en marcha medidas reais e comprometidas para apostar neste camiño", segundo o alcalde.
"Somos conscientes de que o problema do rural en Galicia precisa dunha política transversal onde se unan alternativas para o emprego, a promoción dos sectores produtivos básicos, apoio á vivenda e á mocidade. Só así se poderá solucionar este problema do que nós somos moi conscientes e estamos dispostos a botar unha man para melloralo", asegura o alcalde.