O PSOE quere parques infantís adaptados para todas as idades
Por Redacción
Á recente petición dunha nai pontevedresa e do grupo municipal do PP de que se adapten os parques infantís de Pontevedra para persoas con discapacidade súmase agora unha nova demanda do PSdeG-PSOE, que plantexa a mellora da accesibilidade nas zonas de xogo dos parques e a súa adaptación para as actividades de envellecemento activo da poboación.
Segundo explica a concelleira Paloma Castro, o seu obxectivo é unha mellora global dos parques pontevedreses ampliando os servizos para que pasen a ser zonas iclusivas das que poidan gozar todos os nenos, incluidos aqueles que teñen diversidade funcional, e tamén as persoas maiores. Para iso, habería que instalar tanto novos xogos adaptados como aparallos de ximnasia.
A proposta inclúe adaptar as cores dos aparellos, instalar randeeiras adaptadas, letreiros en linguaxe braille e sinais sonoras ou lumínicas.
A concelleira considera que os parques tamén deben ofrecer posibilidades aos maiores, establecendo zonas que permitan realizar actividades que potencien o envellecemento activo, pero non con instalacións específicas e separadas do resto, senón adaptando os xa existentes para teñan cabida todas as persoas de idade avanzada e que estean "cómodos e integrados".
Antes de adaptar as instalacións, considera necesario elaborar un estudo dos parques e zonas de lecer de Pontevedra para coñecer a súa situación e as posibilidades de adaptación para, despois, "actuar dende o sentido común e a sensatez".