Veciños de Luís Casais solicitan ao goberno de Sanxenxo a limpeza dun cruceiro
Por Redacción
Numerosos veciños do centro de Sanxenxo achegáronse este mércores ao Pazo Emilia Pardo Bazán para trasladar ao alcalde, Gonzalo Pita, diferentes suxestións de actuación, sobre todo no centro urbano.
Ata o Pazo desprazáronse unha delegación de residentes na rúa Luis Casais, que expuxeron ao goberno local diversas cuestións, entre as que destaca a suxestión dunha reordenación no tráfico que limite o acceso só para residentes. Unha cuestión na que está a traballar a Concellería de Seguridade Cidadá, que dirixe Vanessa Rodríguez Búa, e que en breve exporá unha solución aos veciños.
Tamén solicitaron unha actuación no cruceiro situado no cruzamento de varias rúas. Neste tema está inmersa a Concellería de Servizos, que dirixe Maxi González, que nas próximas semanas confía en poder levar a cabo un traballo de acondicionamento e limpeza desta contorna.