O Concello de Vilagarcía anima á poboación a vestirse de negro con motivo do 25-N
Por Redacción
A área de Igualdade do Concello e o Consello Local da Muller de Vilagarcía realizan un chamamento aos habitantes da vila para que acudan ao acto principal da conmemoración do 25 N, que se desenvolverá este venres a partir das 12.00 horas ante o Concello. E solicitan que acudan con vestimenta negra para seguir a máxima da campaña deste ano, que leva por título "Vístete de negro contra os malos tratos".
No Auditorio, durante a tarde, está prevista unha mesa de experiencias sobre "Movemento asociativo: unha rede contra a violencia". O sábado, o recinto de Fexdega acolle o Festival-Mulleres creadoras.
A campaña está a contar cun amplo respaldo social ao adherirse tanto os establecementos comerciais como a hostalería. No acto deste venres ante o Concello, unha das representantes máis novas do Consello Local da Muller lerá o manifesto contra os malos tratos elaborados polo Consello e aprobado pola corporación municipal. A agrupación Cantareiras Bulideiras poñerá a nota musical a este acto ao que se pide que a xente acuda vestida de negro.
37 mulleres de Vilagarcía son vítimas de violencia de xénero e, debido ao elevado risco que corren, dispoñen de orde xudicial de aloxamento para a súa protección. Aínda que o número de mulleres maltratadas, segundo expoñen desde o Concello, é moito máis elevado.