Cinco feridos leves nun choque entre tres vehículos en Caldas
Por Redacción
Cinco persoas resultaron feridas na mañá deste xoves ao bater por alcance tres turismos no municipio de Caldas de Reis.
O accidente rexistrábase sobre as 09.15 horas na estrada que une as localidades de Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa, antes do Hotel Sena. Así o explicaba unha persoa que chamaba ao Servizo de Emerxencias do 112 Galicia para pedir axuda.
Desde o 112 pasouse aviso a Urxencias Médicas e requiriuse a intervención dos axentes da Policía Local, ademais de informar os Bombeiros do Salnés, ao GES de Valga e aos efectivos de Protección Civil de Caldas.
A Policía Local confirmaba no punto en que se produciu o accidente que cinco persoas resultaron feridas de carácter leve. Foron trasladados polo persoal sanitario a un centro hospitalario.
ACCIDENTE MÚLTIPLE EN VILANOVA DE AROUSA
Tamén pasadas as 09.30 horas rexistrábase outra colisión múltiple, con tres turismos implicados, en Vilanova de Arousa, na VG 4.3 de Cambados, en dirección a Sanxenxo.
Non houbo que lamentar danos persoais pero foi necesaria a intervención do persoal do servizo de conservación da estrada que se encargou da limpeza da vía, polos danos ocasionados.