Así se viviu o 25-N o día da Eliminación da Violencia contra a Muller
Por Redacción
- Na Deputación de Pontevedra a corporación provincial aprobou un manifesto no pleno
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, leu ao inicio do pleno o manifesto institucional consensuado con toda a corporación provincial ratificando o compromiso firme e permanente da institución cara ao rexeitamento da violencia machista e asumindo a súa obriga de traballar até conseguir a súa erradicación.
Previamente á lectura, o pleno púxose en pé para gardar un minuto de silencio que foi acompañado pola actuación musical do cuarteto musical "Fo Brass", composto por bombardinos e tubas, que interpretou unha coral de Bach.
A Deputación provincial ten a convicción de que a tolerancia cero coa violencia contra as mulleres debe ser un valor e, como tal, defendido pola sociedade no seu conxunto.
A Deputación de Pontevedra, entre outras accións, rescindirá os contratos coas empresas que non cumpran a igualdade salarial e laboral entre homes e mulleres.
- Ponte Caldelas
En Ponte Caldelas, a Xunta de Goberno local aprobou unha declaración na que reafirma o seu compromiso na loita contra esta lacra social que provoca un fondo sufrimento, desigualdade e inxustiza.
Ademais, o Concello elaborou unhas camisetas conmemorativas para os traballadores municipais nas que plasma o seu rexeitamento cunha campaña institucional propia baixo o lema "Non dexeneres". O texto inclúe tamén un claro "Non á Violencia de Xénero".
Así, despois da sesión da Xunta de Goberno, os traballadores municipais participaron nunha parada de cinco minutos diante da Casa do Concello para expresar o seu apoio e solidariedade con todas as víctimas da violencia machista.
- Cotobade
Jorge Cubela, presidente do Concello de Cerdedo-Cotobade, membros da corporación, traballadores municipais e veciños concentráronse baixo o lema, unificado a través da Fegamp, "Polos bos tratos. Nin golpes que doian, nin palabras que firan".
Durante o acto procedeuse á lectura dun manifesto contra esta lacra social e se mostrou unha pancarta conmemorativa cunha concentración en apoio ás vítimas.
- Marín
En Marín, o manifesto acordado polo Consello Municipal da Muller e aprobado en sesión plenaria foi lido por Marián Sánchez Sanjorge, directora e psicóloga do CIM do Concello. Ao acto acudiron escolares e profesores que mostraron a súa indignación contra a violencia machista.
Por decisión unánime do Consello Municipal da Muller, a VII edición dos Premios Municipais Lazo Violeta concedéronse ao alumnado participante no Concurso de Traballos audiovisuais contra a Violencia de Xénero.
No IES Mestre Landín tamén se conmemorou esta xornada coa instalación dun simbólico lazo violeta confeccionado por estudantes de cuarto de ESO. Gardouse un minuto de silencio e representantes de cada un dos grupos do centro leron comunicados que recollían reflexións sobre a integridade, a liberdade e a dignidade das mulleres. Ademais, durante a xornada, proxectáronse vídeos sobre esta temática realizados polos estudantes do centro.
- Barro
Tamén en Barro levou a cabo unha concentración organizada polo CEIP Amor Ruibal en colaboración co Concello de Barro para celebrar o día internacional de loita contra a violencia de xénero.
- Bueu
Bueu tamén desenvolve unha serie de actos con motivo desta data como a concentración silenciosa que tivo lugar na vila e o acto de entrega de premios do concurso de carteis. Ademais se presentou "Por amor a ti, meu fillo", de María José Rodríguez na Biblioteca Torrente Ballester de Bueu.