Tres persoas feridas na colisión entre dous turismos en Caldas
Por Redacción
Unha colisión con dous turismos implicados, un deles un un taxi, deixou tres feridos en Caldas de Reis na mañá deste mércores. Un deles tivo que ser excarcerado e os tres foron trasladados ao Hospital do Salnés.
Segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, o accidente produciuse minutos antes das 10.00 horas na estrada PO-305, que comunica Vilagarcía co Alto do Pousadoiro.
Como consecuencia do impacto, un dos feridos quedou atrapado no interior do vehículo que conducía e tivo que ser liberado polos Bombeiros do Salnés.
Ademais, o accidente provocou diversos danos que obrigaron a intervir a un equipo de limpeza e mantemento da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI).
Tras recibir a alerta, o persoal do 112 Galicia activou un operativo no que tamén participaron os servizos sanitarios de urxencia, os axentes de seguridade e os voluntarios de Protección Civil.