Evacuan tres edificios en Vilagarcía por un escape de gas
Por Redacción
A perforación accidental dunha tubaxe nas obras que se están levando a cabo na rúa Rosalía de Castro de Vilagarcía, provocou un escape de gas na zona obrigando a evacuar varias vivendas.
Un dos operarios da obra avisou ao 112 preto das 18:30 horas deste mércores, explicando que, fortuitamente, picaran unha tubaxe de Gas Natural e estábase producindo unha fuga.
Bombeiros do Salnés, o servizo de emerxencias municipal e a Policía Local acudiron ao lugar e, tras comprobar a alta concentración de gas, procederon ao desaloxo dos veciños. Ademais cortaron a subministración mentres os técnicos da empresa reparaban a avaría.
Afortunadamente ningunha persoa resultou afectada pola inhalación de gas, e segundo informa o servizo de emerxencias 112 Galicia ao redor das 22:00 horas da noite os veciños puideron regresar ás súas casas.