Tres anos de prisión para un home sorprendido con 34 bolsas de cocaína
Por Redacción
E.M.V. aceptou este xoves unha condena a tres anos de prisión e o pago dunha multa de 2.000 euros como autor dun delito contra a saúde tras ser sorprendido pola Garda Civil con 34 bolsas de cocaína destinadas á venda.
O fiscal solicitaba inicialmente catro anos de prisión e unha multa de 3.900 euros, pero chegou a un acordo de conformidade co procesado polo que reduciu esta petición. O xuízo estaba previsto para este xoves na Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra, pero o acordo xa se alcanzou antes, de modo que as partes tan só entraron á sala de vistas para ratificalo.
O caso procede do Xulgado de Instrución número 1 de Tui. O procesado foi interceptado pola Garda Civil sobre as14.30 horas do 11 de novembro de 2015 nun camiño forestal da Mariña, no barrio de Forcadela. Nun rexistro atopáronlle 34 envoltorios no interior dun bote negro, dous anacos de plástico, 40 euros en billetes de cinco, dous teléfonos móbiles e unha batería auxiliar.
Os 34 envoltorios estaban preparados para ser ofrecidos á venda, coa intención de obter un beneficio ilícito co trato de drogas. As sustancias resultaron ser 25,691 gramos de cocaína que alcanzarían a nivel nacional un valor de 1.361,88 euros no mercado ilícito.
A Sección Segunda da Audiencia Provincial acolleu este xoves un segundo xuízo que tamén terminou en conformidade entre as partes. Trátase dunha vista por un delito de apropiación indebida no que a Fiscalía non presentaba acusación por entender que non quedaban acreditados os feitos delituosos polos que se xulgaba a unha empresa dedicada á á venda de pisos, locais comerciais e prazas de garaxe.
Finalmente, o acusado, A.G.M., aceptou cumprir dous anos de prisión e indemnizar con 10.000 euros a un home co que constituíra esta sociedade, L.Terra Cha.