Festa popular para acender a iluminación do Nadal
Por Redacción
O goberno local de Sanxenxo convida a todos os veciños do municipio e visitantes á festa popular que organizará con motivo do aceso da iluminación do Nadal o vindeiro mércores 7 de decembro.
O acto de aceso terá tres focos de atención principais, a Praza dos Barcos de Sanxenxo, o Parque do Espiñeiro de Portonovo e a praza de Vilalonga, as localizacións elixidas para a instalación das árbores luminosas que este ano terán unha estrutura de aluminio con tapiz en azul en Sanxenxo e Portonovo e en verde en Vilalonga
A iluminación acenderase a partir das 19.00 horas. Será un proceso progresivo que comezará en Sanxenxo, media hora máis tarde chegará a Portonovo e ás 20.00 horas estará en Vilalonga. A esa mesma hora acenderase o resto da iluminación do Nadal que ambientará todas as rotondas do termo municipal e as principais rúas tanto dos núcleos urbanos como de acceso ás parroquias.
A festa popular conta coa colaboración de diferentes asociacións e concluirá cunha chocolatada para todos os asistentes.
En Sanxenxo serán Soalleira e Abiñadoira as dúas agrupacións encargadas de elaborar e distribuír o chocolate, ademais de amenizar a tarde coas súas actuacións. En Portonovo a Concellería de Cultura conta coa complicidade de Os Gatiños, Lembranzas e o ANPA do colexio, mentres que en Vilalonga serán Mulleres Rurais A Candelaria e a agrupación folclórica Os Cruceiros os responsables de programar as actuacións.
A concelleira de Cultura, Sandra Fernández Agraso, indicou a través dun comunicado que este ano se destinan 32.718 euros á iluminación do Nadal de rúas e prazas, unha cantidade que se verá minorada grazas á colaboración de Supermercados Froiz, Carrefour, Eroski InterRías e Mercadona. Neste último caso, cederá caramelos que distribuirán os Reis Meigos.