Protección Civil busca voluntarios en Pontevedra
Por Redacción
Buscar voluntarios que garantan a continuidade da agrupación. É o obxectivo da xornada informativa que Protección Civil organizará este martes 6 de decembro, de 10.00 a 20.00 horas, na praza da Ferrería de Pontevedra.
Alí, explicarán aos interesados o traballo que realizan e as necesidades que teñen nestes momentos.
Ademais, os membros de Protección Civil fan un chamamento aos pontevedreses para que acudan a esta mesa informativa con alimentos e xoguetes que, posteriormente, serán entregados á Rede Axuda.
A agrupación de Protección Civil de Pontevedra constituíuse o 29 de maio de 1993. Desde entón lembran desde o goberno municipal, colaboran de forma activa nas emerxencias e nos dispositivos de seguridade de festas, eventos deportivos ou actos multitudinarios.
Todo o traballo que realizan, que se completa coa súa participación en calquera operativo para o que se lles require, faise de forma altruísta e desinteresada.