Acordan con Cáritas a instalación de colectores de recollida de roupa
Por Redacción
A empresa de economía social Arroupa, dependente de Cáritas, chegou a un acordo co Concello de Cerdedo-Cotobade para a instalación de colectores de recollida de roupa en diferentes puntos do municipio.
Coa firma do convenio, o Concello poñerá a disposición de Arroupa o espazo necesario para a colocación dos colectores, asumindo a primeira as responsabilidades derivadas da recollida e do mantemento dos mesmos.
Como inicio, acordouse a instalación de tres colectores que se situarán, proximamente, no Punto Limpo, no aparcamento público de Cerdedo e ao carón da marquesiña de autobús do colexio público de Tenorio. Así, os veciños poderán depositar nestes recipientes roupa, calzado, bolsos e téxtiles como mantas.
O Concello optou pola empresa Arroupa como vía de xestión para a roupa e téxtiles usados do municipio porque trátase dunha empresa de economía social, dedicada á reciclaxe e a posta en valor da roupa usada, que dá traballo a persoas nunha situación de exclusión social e marxinación.
O seu obxectivo é subministrar prendas de roupa en boas condicións aos máis necesitados. Para iso, a roupa reutilizable envíase para a súa venda nas tendas de segunda man abertas con cargo ao proxecto. O material que non pode ser recuperado é enviado ás plantas de reciclado.
Con esta medida, o goberno quere avanzar na redución e reciclaxe de residuos, de forma que se poida lograr un descenso no recibo de lixo que pagan os veciños.