Seguen a investigar o episodio de violencia machista que sufriu unha muller en Lourizán
Por Redacción
O Concello de Pontevedra segue a investigar a denuncia presentada por unha muller polo presunto episodio de violencia machista que sufriu en Lourizán. Aseguraba que operarios que estaban a colocar as luces de Nadal dirixíronse a ela e a incomodaron con "babosadas", actuando como "machotes" e tratando de intimidala.
Ás poucas horas de coñecerse este episodio, a empresa encargada da instalación do alumeado de Nadal en Pontevedra desmarcábase do sucedido e aseguraba que os seus traballadores non estaban relacionados con estes feitos, ao non ser os que colocan as luces en Lourizán.
Ademais, os responsables de Iluminaciones Umia comunicaban ao Concello a súa disposición a colaborar coa investigación e deixaron patente o seu "rexeitamento absoluto" a estes feitos, reivindicando a "tolerancia cero" ante casos de acoso ou violencia de xénero.
O goberno municipal sinalou que agradece a rápida e contundente reacción que a desvincula do acoso sufrido por esta muller.
O Concello celebra con satisfacción que cada vez máis empresas loiten activamente contra a violencia machista e rexeiten as actitudes de acoso ás mulleres.
En todo caso, sinalan que seguen comprometidos en aclarar se os operarios en cuestión traballan para algunha empresa contratada polo Concello de Pontevedra para, de ser así, pedir as correspondentes desculpas públicas.
Neste sentido, desde o Concello animan a todas as mulleres que non calen e denuncien estes feitos que "aínda que sendo habituais, son intolerables".
Relacionadas:
-
Unha muller denuncia as "babosadas duns machotes" que instalaban a iluminación do Nadal
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada