Os socialistas din que os orzamentos da Xunta para Pontevedra son "raquíticos"
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
"As maiorías absolutas non avalan desprezos absolutos. E nos orzamentos da Xunta para Pontevedra hai un desprezo absoluto ante as necesidades da nosa cidade". Así de contundente manifestouse Tino Fernández, portavoz e secretario xeral da Agrupación Socialista de Pontevedra ao analizar as propostas de investimento da Xunta que definiu como "raquíticas".
A parlamentaria Patricia Vilán non foi menos crítica. Asegurou que "nos venden como un logro o investimento na ampliación dos xulgados, pero o que non din é que esa mesma ampliación xa a venderon nos últimos tres anos como mínimo" e engadiu que pasamos dos 20 millóns que prometeron no 2013 aos 11 millóns para o 2017 máis outros tres no 2018. "No camiño das promesas, o PP fíxonos perder cinco millóns de euros" indicou Vilán na súa comparecencia.
Segundo os socialistas as partidas para as grandes promesas do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e o PP de Pontevedra, "quedan en testemuñais e sen operatividade ningunha". "Non é crible pensar que se vai a sanear a ría con medio millón de euros ou que se vai a ampliar a depuradora cunha cantidade similar", dixeron.
Os orzamentos do goberno galego, segundo os socialistas, "deixan claro que non hai nin o máis mínimo interese en investir en Pontevedra".
Así Patricia Vilán e Tino Fernández cualificaron de "ridiculez" os 100.000 euros destinados para a Estación de Autobuses "e nin un so euro para a PO 318" a estrada entre Pontevedra e O Grove, "nin para a PO-531" a estrada Pontevedra-Vilagarcía, "nin para a variante de Alba".
Puxeron en dúbida que se vaia a actuar na ampliación de Montecelo ao longo do 2017
Segundo a deputada Patricia Vilán "o PP promete aínda menos para o 2017 do que prometeu e non cumpriu para o 16, o 15, o 14 e o 13" polo que "o seu nivel de incumprimento roza a grosería política para un partido que durante a precampaña non se cortou en anunciar grandes intervencións en Pontevedra".
Na comparecencia os socialistas tamén puxeron en dúbida que se vaia a actuar na ampliación de Montecelo ao longo do 2017. "Tiveron moita presa en asinar un convenio co Concello en agosto e desde entón non moveron un papel" polo que "dubidamos moito das intencións da dereita", finalizou dicindo a parlamentaria.
Fernández e Vilán convidaron os representantes políticos do PP en Pontevedra a un debate publico sobre os orzamentos da Xunta e animaron ao movemento social da cidade para xestionar ese tipo de debates que sempre son enriquecedores.
Para finalizar. Patricia Vilán anunciou a presentación de "tantas emendas parciais como sexan necesarias para corrixir esta situación de abandono ou para que se retrate o PP en caso de non apoialas".