Da Silva pide aos delegados da Policía Local que "se comporten" para non danar a imaxe do corpo
Por Alejandro Espiño
Non só os colectivos ciclistas de Pontevedra criticaron ser usados polos representantes sindicais da Policía Local no seu conflito laboral co Concello. Desde o goberno municipal tamén lamentan esta conduta por parte de "algúns membros", aos que Carme Da Silva pide que "se comporten" para non danar a imaxe do corpo policial.
A actitude destes portavoces, recollida nun comunicado remitido aos medios, "non ten nada que ver cos usuarios da bicicleta", segundo a responsable de Seguridade Cidadá, que engadiu que a súa reivindicación "só se pode entender" polo pulso que manteñen co Concello para mellorar as súas condicións laborais, especialmente en materia salarial.
Con esta actitude, da que o BNG responsabiliza unicamente a estes representantes sindicais e non ao persoal da Policía Local, Da Silva denuncia que buscan usar aos ciclistas da cidade "para ir en contra do Concello" cando non hai conflito "de ningún tipo" con eles.
"Cada quen debería circunscribir as súas reclamación ao ámbito nas que se deben facer", destacou a concelleira nacionalista.
Neste sentido, Carme da Silva denunciou que estes dous portavoces tentan "meterlle medo" aos ciclistas da cidade, "o mesmo que quixeron facer" co público do torneo medieval da Feira Franca ao asegurar que non existía ningún plan de seguridade "cando era absolutamente mentira".
Da Silva concluíu asegurando que, en todo caso, en Pontevedra os ciclistas terán prioridade "sempre" sobre os vehículos particulares, convivindo nas rúas cos peóns, o eixo sobre o que pivota o modelo urbano da cidade.
Relacionadas:
-
A baixa de 11 policías locais por gripe non afectou ao servizo, segundo Carme da Silva
Por Anxo Lourido |
-
Once policías locais causan baixa por gripe o primeiro día do operativo navideño
Por Alejandro Espiño |
-
Pedaladas pide que non se usen ós ciclistas como arma no conflito laboral da Policía Local
Por Oskar Viéitez |
-
Representantes da Policía Local reclaman ao goberno de Lores a regulación dos ciclistas
Por Redacción |