Convocan unha folga indefinida na cafetería da Praza da Liberdade
Por Redacción
O sindicato Comisións Obreiras (CC.OO.) vén de convocar folga indefinida a partires do día 19 de decembro no Quiosko Coffee Longe, a cafetería sita na Praza da Liberdade.
O motivo da folga é o "impago reiterado de salarios ó seu personal".
Segundo informa o secretario comarcal de CC.OO., José Luis García Pedrosa, na actualidade aos empregados adebédaselles as nóminas dende o mes de outubro, "e o empresario ten como práctica habitual retrasar varios meses o cobro das mesmas".
Ademais asegura que a situación tense "deteriorado" nos últimos días, xa que o empresario non atende ningunha chamada telefónica dos traballadores, "e acude a facer a contabilidade da caixa fóra do horario de apertura do establecemento, que é das 8 as 23 horas, para non coincidir cos traballadores", apunta este sindicato.
Esta cafetería é unha concesión municipal "que na actualidade está adxudicada a David Ruibal Rivadulla, quen se está a desentender totalmente da xestión do establecemento e do abono dos salarios ó personal", remata García Pedrosa nun comunicado.